21:37 h. martes, 23 de abril de 2024

2005 - 2015

Dez anos de Contradiscurso

Xabier P. Igrexas  |  09 de marzo de 2015 (04:37 h.)
10

O pasado 26 de febreiro o blogue cumpriu o seu décimo aniversario. Logo de case 700 entradas publicadas fago balanzo deste decenio e apunto por onde debe pasar o futuro da bitácora.

 

Cando o 26 de febreiro de 2005 me apresuraba a abrir este blogue non sabía moi ben o que facía

Cando o 26 de febreiro de 2005 me apresuraba a abrir este blogue non sabía moi ben o que facía. O diletantismo, que na súa acepción positiva me acompaña de sempre como grao agudo dunha curiosidade e proactividade difíciles de xestionar, teima en me empurrar cara á finísima liña que separa audacia de temeridade. Levaba daquela apenas dous anos publicando de maneira irregular os meus primeiros artigos de opinión. Certamente o que me levou a dar o paso de escribir foi un atrevemento algo insensato. A insensatez de crer que tiña cousas que dicir que merecían ser partilladas en voz alta. Unha insensatez acollida por quen con pouco xuízo tivéchedes e tedes a inmensa xenerosidade de me ler.

Hai unha convicción que continúa inalterada logo do paso deste decenio. A de que é indispensábel o debate, o contrates de ideas, a controversia e a polémica. E que para que existan é preciso que haxa quen teña o atrevemento insensato de opinar, de reflexionar, de contrariar. A escolla da cabeceira que intitula este blogue é filla desa certeza. Quixen facelo un espazo desde o que achegar á conformación dun contradiscurso que disputase o pensamento dominante, que confrontase con el e coa súa hexemonía abafante. Un obxectivo tan desmedidamente ambicioso como necesario.

Pasaron dez anos. E con eles un terzo da miña vida. A madurez é ese proceso que te leva a asumir con naturalidade e sosego o rubor ao te enfrontar as vergoñas que agocha a hemeroteca do propio, a te encarar co espello retrovisor satisfeito non tanto do realizado, senón sobre todo do aprendido a o facer. Con certeza, hoxe non escribiría algunhas cousas das que escribín. E de seguro que non o faría como fixen. A letra escrita é un poderoso antídoto fronte ao efémero. Un antídoto que a veces deixa un regusto envelenado. O da escravitude do dito.

Na medida en que esta bitácora alberga as miñas opinións serve de testemuño documental da inevitábel evolución do pensamento. Non só nos contidos, tamén na frecuencia de actualización. Tardei algo en aprender a sacrificar velocidade para afinar mellor o rumbo, en aminorar a intensidade para gañar profundidade. A aforrar en consignas para investir en argumentos. Niso sigo.

Envexo a disciplina doutros blogueiros e blogueiras que logran sistematizar a escrita periódica.

Mergullando nas preto de 700 entradas publicadas nestes anos (a falla de incorporar todos os artigos que publiquei noutros medios e que totalizan máis de 400 textos) fica patente a irregularidade. Envexo a disciplina doutros blogueiros e blogueiras que logran sistematizar a escrita periódica. Agás pequenos períodos nos que si me obriguei a escribir, sempre optei por o facer por impulso, por vontade. Durante anos vin niso un defecto, unha chata. Algo a corrixir. E por iso prometín varias veces emendas que nunca chegaron. Esa regra estúpida que dita que unha bitácora para sobrevivir precisa dun fluxo constante de contidos responde a errada concepción de medir o éxito en termos cuantitativos de audiencia.

Mais non foi a preguiza quen me impediu facer máis blogue, senón entender este como un soporte, como un medio, non como un fin en si propio. Por iso non dubidei en o deixar practicamente mudo mentres publicaba noutros espazos. Quer nos medios, quer en redes sociais. Unha fuga acrecentada logo de que Carme Vidal conseguise contaxiarme unha tan inesperada [por min] como intensa fame xornalística, que a súa confianza e a de Xoán Costa e Anabel Gulías fixo posíbel que comezase a saciar nas páxinas do semanario e máis do xornal dixital Sermos Galiza ao pouco de nacer. Ese cambio de rexistro, de opinión á elaboración xornalística, da columna á información, da afirmación ideolóxica ao relato dos feitos, de falar en primeira persoa a entrevistar para que outras falen, ten sido unha das principais mudanzas que enfrontei nestes dous lustros e que tamén deixou a súa pegada, sobre todo en forma de silencios, neste recuncho.

En comunicación hai un concepto do que gosto inmenso. Edición ampliada. Escoiteillo a Manolo Bragado hai bastante tempo para explicar o afán de conciliar os vellos e os novos soportes na industria editorial. A revolución tecnolóxica e comunicacional que vivimos transita por ese vieiro. O da complementariedade. Só desa maneira se pode entender que na sociedade da información do presente caiba a inmediatez efémera e ultrabreve de Twitter coa elaboración demorada de publicacións como Jotdown.

Son dos que acredita en que a chave do futuro pasa por acertarmos na ensamblaxe articulada dos diversos soportes e plataformas, optimizando o seu uso para a maximización dos contidos (non só en termos de audiencia, senón sobre todo de exposición). Non é estritamente un fenómeno novo. É o mesmo que explica que a televisión non acabase coa radio, que a Rede non engulise a televisión ou que o dixital non fixese desaparecer o papel.

Esa reflexión é a que vai orientar o futuro deste espazo de aquí en diante para que poida superar dunha vez por todas a súa función, nada desprezábel, de repositorio de textos. En que se vai materializar no concreto non o sei. Cando e de que maneira, tampouco. Mais mellor que anunciar ou explicar é facer.

Obrigadísimo por estardes ao outro lado da pantalla.

 


Boletín electrónicoRecebe as actualizacións do blogue no teu correo-e:

 

 
Últimos álbumes
Hemeroteca