13:34 h. jueves, 25 de abril de 2024

Como entendo e uso Twitter: 30 regras/criterios/valores

Xabier P. Igrexas  |  30 de septiembre de 2013 (04:54 h.)
Twitter

Como @onosolar, no meu Twitter [@contradiscurso] mando eu. Logo de ler a súa última entrada no blogue, decidinme a emulalo e partillar aquí as trinta regras/criterios/principios que definen a miña maneira de entender e empregar esta importante rede social.

 

  1. Chío porque (e o que) me peta, porque (e o que) quero e (o que) me dá a gana. 
  2. Non simulo neutralidade. Expreso opinións de maneira aberta. Discutir non ten porque ser desagradábel.
  3. Falo en primeira persoa e por min propio (agás referencia expresa do contrario). Mostro sempre o meu nome e apelidos. 
  4. Tento responder todas as mencións que precisan resposta. 
  5. Interactúo por iniciativa propia cando o coido interesante. Tamén con xente que habitualmente non o fai comigo. 
  6. Non bloqueo por discrepancia. Si por insultos ou ofensas gratuítas. Tamén por trolling se me farto.
  7. Rectifico o meus bloqueos cando -logo dun tempo- acho que son/foron inxustos.
  8. Sigo a quen me interesa. Non sigo a todas as que me siguen.
  9. O meu twitter fala como a miña boca. En galego. Sempre. Porén, para conversar con quen non o entende, e atendendo ao carácter internacional do meu TL, ás veces emprego outros idiomas (basicamente español e un chisco de inglés pataqueiro).
  10. A ortografía non é opcional, nin incompatíbel coa síntese. Rara vez adopto abreviaturas. Nunca "linguaxe" SMS. Non abuso das maiúsculas nin dos emoticonos.
  11. Escribo (desde há pouco) en femenino xenérico, por economía de carácteres. Non gosto da @.
  12. Preferentemente opto por facer RT, en troques de cita. Sempre reseño autoría de contido alleo.
  13. Sei que Twitter non é un chat, mais non lle fago noxos ao empregar como medio para a conversa.
  14. Escribo para ser lido. Partillo contidos para seren vistos. Valoro e agradezo que me sigan, que me mencionen e me rechíen. Sen obsesións nin  falsa modestia.
  15. Son activista fóra da Rede. Mais tamén emprego twitter (e outras redes) para facer activismo.
  16. Nos meus chíos moi maioritariamente comparto contidos máis interesantes que os que eu creo, de xente máis interesante que eu propio. Disfruto ao comprobar o moito que aprendo do meu TL.
  17. Só elimino chíos por erros graves (ligazóns fallidas, texto incompleto...)
  18. Non publico chíos automáticos (nin RSS...)
  19. Non leo todo o meu TL. Por extensión (son moitas as persoas que gosto de seguir) e por tempo. Mais non acho que sobre nada nel.
  20. Non sempre emprego etiquetas. Só cando o creo estritamente necesario.
  21. Tento ler todo desde a prerrogativa de que as cousas en xeral dinse "a ben". Sobre todo os "tonos". Escribo coidando que non se malinterprete o que quero dicir.
  22. Non fuxo dos debates nin por medo a bloqueo ou ao trolling. Gosto das preguntas difíciles e das mencións que me sacan da miña zona de confort.
  23. Acepto as críticas. Non sempre me gostan, pero as considero con atención sempre.
  24. Non teño reparos en disculparme ou rectificar publicamente.
  25. A miña escala de afinidade/rexeitamento é (de maior adhesión a menor): RT >> favorito >> silencio >> retruque >> block.
  26. Non dou os bos días, nin as boas noites. Nin falo do tempo. Non me xeolocalizo. Non escribo nada que non considere suficientemente relevante como para dicir en voz alta. A veces escribo ou fago RT a algunha chorrada. 
  27. Emprego o meu TL para pedir axuda ou información. Gosto de dala cando outras a piden.
  28. Non só uso twitter para procastinar.
  29. Ninguén se define por 140 caracteres. Por moi errado que estea o que se escriba con eles.
  30. A miña identidade dixital, e twitter fai parte dela, é só o meu xeito de ser e pensar compilado para a Rede. Non cabe impostura. O que escribo me representa tal e como son (inda que sexa parcialmente). Ou eso intento.

​E vós que pensades? Cales son as vosas "normas"?

 

Últimos álbumes
Hemeroteca