23:22 h. domingo, 05 de mayo de 2024

As verdades obxectivas e os soños, por Fidel Castro

Contradiscurso  |  15 de agosto de 2013 (00:06 h.)

Copiado e pegado

Fidel Castro

 

 

O Comandante e lider da revolución cubana escribiu onte, coincidindo co seu 87 aniversario, un artigo no que fai un singular percorrido histórico, desde as orixes da humanidade até detalles das relacións entre de Cuba coa URSS e a RPDC. No texto, que dispoñibilizo aquí traducido ao galego, Fidel conclúe resaltando a súa amizade profunda con Hugo Chávez. 


A especie humana reafirma con frustrante forza que existe desde hai aproximadamente 230 mil anos. Non recordo afirmación algunha que alcance máis idade. Si existiron outros tipos de humanos, como os Neandertales de orixe europea; ou un terceiro, o homínido de Denisova ao norte de Asia pero, en ningún caso, existen fósiles máis antigos que os do Homo Sapiens de Etiopía.

Tales restos, en cambio, existen de numerosas especies entón vivas, como os dinosauros, cuxos fósiles datan de hai máis de 200 millóns de anos. Moitos científicos falan da súa existencia antes do meteorito que impactou no Istmo de Tehuantepec provocando a morte daqueles, algúns dos cales medían até 60 metros de longo.

É coñecida igualmente a prehistoria do planeta que hoxe habitamos, desprendido da nebulosa solar e o seu arrefriamento como masa compacta case chaira, constituída por un número crecente de materias ben definidas que aos poucos adquirirían trazos visibles. Tampouco se sabe aínda cantas faltan por descubrir, e os insólitos usos que a tecnoloxía moderna pode aportar aos seres humanos.

As ciencias deben ensinarnos a todos a ser sobre todo humildes, dada a nosa autosuficiencia conxénita

Coñécese que as sementes dalgunhas plantas comestíbeis foron descubertas e comezaron a seu utilizar hai ao redor de 40 mil anos. Existe tamén constancia do que foi un calendario de sementa gravado en pedra hai aproximadamente 10 mil anos.

As ciencias deben ensinarnos a todos a ser sobre todo humildes, dada a nosa autosuficiencia conxénita. Estariamos así máis preparados para enfrontar e até gozar o raro privilexio de existir.

No mundo explotado e saqueado viven incontábeis persoas xenerosas e sacrificadas, especialmente as nais, ás que a propia natureza dotou de especial espírito de sacrificio.

O concepto de pai, que non existe na natureza, é, en cambio, froito da educación social nos seres humanos e obsérvase como norma en calquera recuncho, desde o ártico, onde se atopan os esquimós , até as selvas máis tórridas de África nas que as mulleres non só coidan da familia, senón tamén traballan a terra para producir alimentos.

Quen le as noticias que todos os días chegan sobre vellos e novos comportamentos da natureza e os descubrimentos dos métodos para enfrontar o de onte, hoxe e mañá, comprendería as esixencias do noso tempo.

Os virus transfórmanse de forma inesperada e golpean as plantas máis produtivas ou os animais que fan posíbel a alimentación humana, o que torna máis insegura e custosa a saúde da nosa especie, xera e agrava as enfermidades, sobre todo, nos maiores ou os máis cativos.

Pensemos que máis de douscentos grupos humanos disputan os recursos da Terra. O patriotismo é simplemente o sentimento solidario máis amplo atinxido

Como enfrontar con honra o número crecente de obstáculos que os habitantes do planeta sofren?

Pensemos que máis de douscentos grupos humanos disputan os recursos da Terra. O patriotismo é simplemente o sentimento solidario máis amplo atinxido. Nunca digamos que foi pouco. Con seguridade iniciouse polas actividades familiares de grupos reducidos de persoas que os escritores da historia cualificaron de clan familiar, para percorrer o camiño da cooperación entre grupos de familias que colaboraban entre si para cumprimentar as tarefas ao seu alcance. Houbo loita entre grupos de familias noutras etapas, até alcanzar niveis superiores de organización como sen dúbida foi a tribo. Transcorreron máis de cen mil anos. Os recordos escritos en sofisticados pergamiños datan, con todo, de non máis de 4 mil anos.

A capacidade humana para pensar e elaborar ideas era xa notábel, e non creo sinceramente que os gregos fosen menos intelixentes que o home actual. Os seus poemas, os seus textos filosóficos, as súas esculturas, os seus coñecementos médicos, os seus xogos olímpicos; os seus espellos, cos que incendiaban naves adversarias concentrando os raios solares; as obras de Sócrates, Platón, Aristóteles, Galeno, Arquímedes e outros encheron de luz o mundo antigo. Eran homes de inusual talento.

Arribamos, tras un longo camiño, á etapa contemporánea da historia do home.

Días críticos non tardaron en presentarse para a nosa Patria, a 90 millas do territorio continental de Estados Unidos, despois que unha profunda crise golpease á URSS.

Desde o 1ro de xaneiro de 1959 o noso país asumiu o mando do seu propio destino tras 402 anos de colonialismo español e 59 como neocolonia. Xa non existiamos como indíxenas que non falaban sequera o mesmo idioma; eramos unha mestura de brancos, negros e indios que integrabamos unha nación nova coas súas virtudes e os seus defectos como todas as demais. Folga dicir que imperaban na illa a traxedia do desemprego, o subdesenvolvemento e un pobrísimo nivel de educación. Posuían coñecementos inculcados pola prensa e a literatura dominante nos Estados Unidos, que descoñecía, si é que non desprezaba, os sentimentos dunha nación que combateu coas armas durante décadas pola independencia do país, e ao final ata contra centos de miles de soldados ao servizo da metrópole española. É preciso non esquecer a historia da "Froita Madura", imperante na mentalidade colonialista da poderosa nación veciña que fixo prevalecer a súa forza e negaba ao país non só o dereito a ser libre hoxe, mañá e sempre, senón que pretendía anexar a nosa illa ao territorio dese poderoso país.

Cando no porto da Habana estala o acoirazado norteamericano Maine, o exército español, integrado por centos de miles de homes, estaba xa derrotado, como un día os vietnamitas derrotaron a base de heroísmo o poderoso exército dotado de sofisticado armamento, incluído o "Axente Laranxa" que a tantos vietnamitas afectou para toda a súa vida, e Nixon, máis dunha vez, estivo tentado ao uso das armas nucleares contra aquel pobo heroico. Non en balde loitou por abrandar aos soviéticos coas súas discusións sobre a produción de alimentos naquel país.

Deixaría de ser diáfano se non sinalo un momento amargo das nosas relacións coa URSS. Iso derivou da reacción que tivemos ao coñecer a decisión de Nikita Jruschov a raíz da Crise de Outubro de 1962, da que o próximo mes de outubro cumpriranse 51 anos.

Nós advertimos ao Mariscal xefe da foguetería soviética que a Cuba non lle interesaba aparecer como emprazamento de foguetes da URSS

Cando soubemos que Jruschov acordara con John F. Kennedy a retirada dos proxectís nucleares do país, publiquei unha nota cos 5 Puntos que considerei indispensábeis para un acordo. O xefe soviético coñecía que inicialmente nós advertimos ao Mariscal xefe da foguetería soviética que a Cuba non lle interesaba aparecer como emprazamento de foguetes da URSS, dada a súa aspiración a ser exemplo para os demais países de América latina na loita pola independencia dos nosos pobos. Pero malia iso o Mariscal xefe de tales armas, unha persoa excelente, insistía na necesidade de contar con algún arma que persuadise aos agresores. Ao insistir el no tema, expreseille que si a eles lles parecía unha necesidade imprescindíbel para a defensa do socialismo, tratábase xa doutra cousa, porque eramos por encima de todo revolucionarios. Pedinlle dúas horas para que a Dirección da nosa Revolución tomase unha decisión.

Jruschov portouse con Cuba a gran altura. Cando Estados Unidos suspendeu totalmente a cota azucareira e bloqueou o noso comercio, el decidiu comprar o que deixase de adquirir ese país, e aos mesmos prezos; cando meses despois aquel país suspendeunos as cotas de petróleo, a URSS forneceunos as necesidades dese vital produto sen o cal nosa economía sufriría un gran colapso: unha loita a matar impúxose, xa que Cuba xamais se rendería. Os combates serían moi sanguentos, tanto para os agresores como para nós. Acumularamos máis de 300 mil armas, incluíndo as 100 mil que lle ocupamos á tiranía batistiana.

O líder soviético acumulara gran prestixio. A raíz da ocupación da Canle de Suez por Francia e Inglaterra, as dúas potencias que eran propietarias da canle, co apoio de forzas israelitas, atacaron e ocuparon aquela vía. Jruschov advertiu que usaría as súas armas nucleares contra os agresores franceses e británicos que ocuparon ese punto. Estados Unidos, baixo a dirección de Eisenhower, non estaba disposto nese momento a involucrarse nunha guerra. Recordo unha frase de Jruschov por aqueles días: "os nosos foguetes poden darlle a unha mosca no aire".

Non moito tempo despois, o mundo viuse envolvido nun gravísimo perigo de guerra. Desgraciadamente foi o máis grave que se coñeceu. Jruschov non era un líder calquera, durante a Gran Guerra Patria destacouse como Comisario Xefe da defensa de Stalingrado, actual Volgogrado, na batalla máis dura que se librou no mundo coa participación de 4 millóns de homes. Os nazis perderon máis de medio millón de soldados. A Crise de Outubro en Cuba custoulle o cargo. En 1964, foi substituído por Leonid Brezhnev.

Supoñíase que, aínda que a un prezo alto, Estados Unidos cumpriría o seu compromiso de non invadir Cuba. Brezhnev desenvolveu excelentes relacións co noso país, visitounos o 28 de xaneiro de 1974, desenvolveu o poderío militar da Unión Soviética, adestrou na escola militar do seu gran país a moitos oficiais das nosas Forzas Armadas, continuou o fornezo gratuíto de armamento militar ao noso país, promoveu a construción dunha central electronuclear de arrefriamento por auga, na que se aplicaban as máximas medidas de seguridade e deulle apoio aos obxectivos económicos do noso país.

Andropov díxonos que se eramos atacados por Estados Unidos deberiamos loitar sós

Á súa morte, o 10 de novembro de 1982, sucedeulle Yuri Andrópov, director da KGB, quen presidiu os funerais de Brezhnev e tomou posesión como Presidente da URSS. Este era un home serio, así o aprecio, e tamén moi franco.

Díxonos que se eramos atacados por Estados Unidos deberiamos loitar sós. Preguntámoslle si podían fornecernos as armas gratuitamente como ata ese momento. Respondeu que si. Comunicámoslle entón: "non se preocupe, envíenos as armas que dos invasores ocupámonos nós".

Sobre este tema só un mínimo de compañeiros estivemos informados xa que era moi perigoso que o inimigo dispuxese desta información.

Decidimos solicitar a outros amigos as armas suficientes para contar cun millón de combatentes cubanos. O compañeiro Kim II Sung, un veterano e irreprochábel combatente, enviounos 100 mil fusiles AK e o seu correspondente parque sen cobrar un centavo.

Kim II Sung, un veterano e irreprochábel combatente, enviounos 100 mil fusiles AK e o seu correspondente parque sen cobrar un centavo

Que contribuíu a desatar a crise? Jruschov percibira a clara intención de Kennedy de invadir a Cuba axiña que estivesen preparadas as condicións políticas e diplomáticas, especialmente logo da aplastante derrota da invasión mercenaria de Bahía de Cochinos, escoltada por buques de asalto da Infantería de Mariña e un portaavións yankis. Os mercenarios controlaban o espazo aéreo con máis de 40 avións entre bombardeiros B-26, avións de transporte aéreo e outros de apoio. Un ataque sorpresivo previo, á principal base aérea, non atopou os nosos avións aliñados, senón espallados en diversos puntos, os que podían moverse e os que carecían de pezas. Apenas afectaron algúns. O día da invasión traizoeira nosas naves estaban no aire antes do amencer en dirección a Praia Girón. Digamos só que un honesto escritor norteamericano describiu aquilo como un desastre. Baste dicir que ao final daquela aventura só dous ou tres dos expedicionarios puideron regresar a Miami.

A invasión programada polas forzas armadas de Estados Unidos contra a illa sufriría grandes baixas, moi superiores aos 50 mil soldados que perderon en Vietnam. Non tiñan entón as experiencias que adquiriron máis tarde.

Recordarase que o 28 de outubro de 1962 eu declarei que non estaba de acordo coa decisión non consultada e ignorada por Cuba de que a URSS retiraría os seus proxectís estratéxicos, para os cales se estaban preparando as ramplas de lanzamento que serían un total de 42. Ao líder soviético expliqueille que ese paso non fora consultado connosco, requisito esencial dos nosos acordos. Nunha frase está a idea: "Vostede pode convencerme de que estou equivocado, pero non pode dicirme que estou equivocado sen convencerme", e enumerei 5 Puntos que se mantiñan intocábeis: Cese do Bloqueo económico e de todas as medidas de presión comercial e económica que exercen os Estados Unidos en todas partes do mundo contra o noso país; cese de todas as actividades subversivas, lanzamento e desembarco de armas e explosivos por aire e por mar, organización de invasións mercenarias, filtración de espías e sabotadores, accións todas que se levan a cabo desde o territorio dos Estados Unidos e dalgúns países cómplices; cese dos ataques piratas que se levan a cabo desde as bases existentes nos Estados Unidos e Porto Rico; cese de todas as violacións do noso espazo aéreo e naval por avións e navíos de guerra norteamericanos; e a retirada da Base Naval de Guantánamo e devolución do territorio cubano ocupado polos Estados Unidos.

É farto coñecido igualmente que o xornalista francés Jean Daniel entrevistara ao presidente Kennedy logo da Crise de Outubro; este contoulle a experiencia moi dura que vivira, e preguntoulle si eu realmente coñecía o perigo daquel momento. Pediulle ao reporteiro francés que viaxase á Habana, falase comigo e esclarecese esa interrogante.

Este viaxou á Habana e pediu a entrevista. Citeino esa noite e transmitinlle que desexaba velo e conversar con el sobre o tema, e suxerinlle conversar en Varadero. Chegamos ao lugar e inviteino a xantar. Era o mediodía. Puxen unha radio e nese instante un despacho glacial informa que o Presidente fora asasinado en Dallas.

Johnson, un bo magnate petrolero, non perdeu un minuto en tomar o avión [logo da morte de Kennedy] en dirección a Washington

Practicamente xa non había de que falar. Eu, desde logo, pedinlle que me falase da súa conversa con Kennedy; el estaba realmente impresionado co seu contacto. Díxome que Kennedy era unha máquina de pensar, estaba realmente traumatizado. Non volvín velo. Pola miña banda investiguei o que puiden, ou máis ben supuxen o que pasou ese día. Foi rara a conduta de Le Harvey Oswald. Souben que este tratara de visitar Cuba non moito tempo antes do asasinato de Kennedy, e suponse que disparou cun rifle semiautomático de mira telescópica contra un branco en movemento. Dabondo coñezo o emprego desa arma. A mira, cando se fai un disparo, móvese e o branco pérdese un instante; o que non ocorre con outro tipo de sistema de puntería de calquera fusil. A telescópica, de varios poderes, é moi precisa se se apoia o arma, pero estorba cando se fai cun obxectivo en movemento. Dise que foron dous os disparos mortais consecutivos en fracción de segundos. A presenza dun lumpen coñecido polo seu oficio, que mata a Oswald nada menos que nunha estación de policía, conmovido pola dor que estaría sufrindo a esposa de Kennedy, parece unha cínica broma.

Johnson, un bo magnate petrolero, non perdeu un minuto en tomar o avión en dirección a Washington. Non quero facer imputacións; é asunto deles, pero trátase de que nos plans estaba involucrar a Cuba no asasinato de Kennedy. Máis tarde, transcorridos os anos, visitoume o fillo do Presidente asasinado e ceou comigo. Era un mozo cheo de vida que lle gustaba escribir. Pouco tempo despois, viaxando en noite tempestuosa cara a unha illa vacacional nun sinxelo avión, ao parecer non atoparon a meta e estreláronse. Tamén coñecín en Caracas á esposa e os fillos pequenos de Robert Kennedy, quen foi fiscal, e negociador co enviado de Jruschov e fora asasinado. Así marchaba desde entón o mundo.

Moi próximo xa a terminar este relato, que coincide co 13 de agosto, 87 aniversario do seu autor, rogo escúselleme de calquera imprecisión. Non hei ter tempo de consultar documentos.

Os despachos cablegráficos case diariamente falan de preocupantes temas que se acumulan no horizonte mundial.

Noam Chomsky, segundo o sitio Web da canle de televisión Rusia Today, expresou: "A política de Estados Unidos está deseñada para que aumente o terror".

"Segundo o prestixioso filósofo, a política de EE.UU. está deseñada de maneira que aumenta o terror entre a poboación. ?EE.UU. está levando a cabo a campaña terrorista internacional máis impresionante xamais vista, a dos drones e a campaña das forzas especiais? "

"A campaña de drones está creando potenciais terroristas."

"Ao seu xuízo, é absolutamente asombroso que o país norteamericano leve a cabo por unha banda unha campaña de terror masivo, que poida xerar potenciais terroristas en contra dun mesmo, e por outro proclame que é absolutamente necesario contar con vixilancia masiva para protexer contra o terrorismo."

"Segundo Chomsky, existen numerosos casos similares. Un dos máis rechamantes, na súa opinión, é o de Luís Posada Carriles, acusado por Venezuela da participación nun atentado contra un avión no que morreron 73 persoas."

Hoxe gardo un especial recordo do mellor amigo que tiven nos meus anos de político activo --quen moi humilde e pobre se fraguou no Exército Bolivariano de Venezuela--, Hugo Chávez Frías.

Entre os moitos libros que lin, impregnados da súa linguaxe poética e descritiva, hai un que destila a súa rica cultura e a súa capacidade de expresar en termos rigorosos a súa intelixencia e as súas simpatías a través das máis de dous mil preguntas formuladas polo xornalista, tamén francés, Ignacio Ramonet.

Hoxe gardo un especial recordo do mellor amigo que tiven nos meus anos de político activo --quen moi humilde e pobre se fraguou no Exército Bolivariano de Venezuela--, Hugo Chávez Frías.

O 26 de Xullo deste ano, cando visitou a Santiago de Cuba con motivo do 60 aniversario do asalto aos cuarteis Moncada e Carlos M. de Céspedes, dedicoume o seu último libro: “Hugo Chávez, A miña primeira vida”.

Experimentei o san orgullo de contribuír á elaboración desa obra, porque Ramonet someteume a ese cuestionario implacábel, que pese a todo serviu para adestrar ao autor nesa materia.

O peor é que non concluíra a miña tarefa como dirixente cando lle prometín revisalo.

O 26 de xullo de 2006 enfermei gravemente. Apenas comprendín que sería definitivo non vacilei un segundo en proclamar o día 31 que cesaba nos meus cargos como Presidente dos Consellos de Estado e de Ministros, e propuxen que o compañeiro designado para exercer esa tarefa procedese de inmediato a ocupalo.

Restábame concluír a revisión prometida de “Cen horas con Fidel” [descarga en PDF]. Estaba deitado, temía perder o coñecemento mentres ditaba e ás veces quedábame durmido. No entanto, día por día respondía ás endemoñadas preguntas que me parecían interminabelmente longas; pero persistín até que rematei.

Estaba lonxe de imaxinar que a miña vida se prolongaría outros sete anos máis. Só así tiven o privilexio de ler e estudar moitas cousas que debín aprender antes. Penso que os novos descubrimentos sorprendéronnos a todos.

De Hugo Chávez faltaron moitas preguntas por responder, desde o momento máis importante da súa existencia, cando tomou posesión do seu cargo como Presidente da República de Venezuela. Non existe unha soa pregunta que responder nos máis brillantes momentos da súa vida. Os que o coñeceron ben saben a prioridade que daba a eses desafíos ideolóxicos. Home de acción e ideas, sorprendeuno un tipo de enfermidade sumamente agresiva que lle fixo sufrir bastante, pero enfrontou con gran dignidade e con profunda dor para familiares e amigos próximos que tanto amou. Bolívar foi o seu mestre e o guía que orientou os seus pasos na vida. Ambos reuniron a grandeza suficiente para ocupar un lugar de honra na historia humana.

Todos esperamos agora “Hugo Chávez, A miña segunda Vida”. Sen el, a máis auténtica das historias ninguén podería escribir mellor.

 

Artigo asinado por Fidel Castro o 13/08/2013, no seu 87 aniversario, e publicado ao día seguinte no diario Granma. Tradución: Xabier P. Igrexas

 


Boletín electrónicoRecebe as actualizacións do blogue no teu correo-e:

 
Últimos álbumes
Hemeroteca