03:20 h. viernes, 26 de abril de 2024

Non temos, queremos, nin precisamos burguesía de noso

Xabier P. Igrexas  |  21 de agosto de 2013 (14:59 h.)
Inditex

[Entrada actualizada ás 20:16h]

 

 

 

Sen ánimo de polemizar, nin provocar unha lea teórica, coido necesario facer algúns apuntes a respecto do último artigo de Maurício Castro en Sermos Galiza, co que partillo non entanto a crítica á haxiografía que os mass media lle brindaron a Rosalía Mera logo do seu falecemento. 

No texto, Castro recupera un vello debate, ligado tamén a caracterización colonial da dependencia forzosa que padece o noso país, arredor da existencia ou non dunha burguesía nacional galega

 Non se pode cualificar de burguesía galega/nacional a quen fai parte do capital monopolista español

Certamente en Galiza existe burguesía. Porén, esta non actuou nin actúa como clase nacional senón que se integra, como fracción dependente, no seo da burguesía española. Non se pode cualificar de burguesía galega/nacional a quen fai parte do capital monopolista español (Inditex, Pescanova...). Poderíamos significar tamén a orixe histórica foránea deses sectores. A pesar de que a burguesía afincada no noso país non asume arestora o mesmo rol estritamente comprador/intermediario que obxectivamente desenvolvía a fins dos 70, tampouco a estrutura económico-produtiva do Estado, e xa que logo a natureza, dimensión e alcance da oligarquía española é equivalente ao de entón.

“(...) esta burguesia era e continua a ser umha burguesia espanholista, subsidiária e intermediária da oligarquia financeira e industrial espanhola, carente, portanto, de qualquer compromisso com a naçom galega, pola sua cómoda integraçom nos interesses do bloco de classes dominante do Estado (...)”. O autor de tal definición a respecto a burguesía en Galiza, coa que matices a parte cadro, é Carlos Morais, nun artigo publicado no xornal Abrente (voceiro de Primeira Linha) en 2002.

Pode existir burguesía nacional sen que esta se dote dun instrumento político de seu? U-lo Kuomintang galego?

Botando man da caracterización que Mao Zedong fai a respecto dos conceptos en discusión, cómpre interrogarse cal é o papel que xoga a burguesía radicada en Galiza, ou autóctona se se quixer: Está “oprimida polo imperialismo” (nacional) ou en troques fica “ao servizo directo dos capitalistas dos países imperialistas” (intermediaria/compradora)? Pode existir burguesía nacional sen que esta se dote dun instrumento político de seu? U-lo Kuomintang galego?

Podemos engadir estoutras cuestións: Ten obxectivamente algún interese a burguesía “autóctona” en manter e/ou desenvolver o marco de autogoberno do noso país, ou pola contra a súa posición política ten sido historicamente, e segue a ser, antagónica ás teses emancipadoras do nacionalismo-soberanismo galego? En que idioma se expresa moi maioritariamente esa burguesía? Cal é o seu marco "nacional" de referencia tanto en termos políticos como económico-comerciais?

Aliás, non se pode ignorar que os principais medios de produción en sectores estratéxicos como a banca e seguros, a enerxia ou as telecomunicacións están en mans do capital monopolista foráneo. O mesmo acontece en boa medida noutros como a automoción, o aluminio ou a propia información (tv, xornais, emisoras de radio, etc). De aí que poidamos concluír tamén que a burguesia "autóctona" hoxe non é dominante na economia galega, algo que ten a sua importancia cando se caracteriza unha sociedade, a politica de alianzas e os obxectivos. Amais non se pode descoñecer o papel que esta ten desempeñado a respecto do desartellamento produtivo do noso país (pesca, agro, industria naval...), e que deixa patente que non actuou nin actúa como clase nacional galega.

 Nin hai, nin queremos, nin moito menos precisamos, burguesía nacional galega

Para alén do máis, resulta incongruente confundir a negación, como conclusión dunha análise dialéctica, da existencia dunha burguesía nacional galega coa afirmación do interclasismo como sostén Castro. Pretendido interclasismo que por outra parte nada ten a ver coa “aliança nacional-popular entre todas as camadas sociais ‘objectivamente interessadas’ em modificar a situaçom de dependência nacional” á que se refire Morais e pola que pulou o movemento nacional-popular galego desde practicamente a súa xénese. Máxime cando se define o problema nacional como “aspecto principal da contradición bloque popular – bloque oligárquico, ou dito en termos máis clásicos do conflito .proletariado-burguesía [traballo-capital]” (cita das Teses do I Congreso da UPG, 1977. p.25). De aí a raiceira antimonopolista do nacionalismo galego contemporáneo, que se substanciaba na focaxe da loita pola liberación nacional en chave de confronto entre o pobo traballador galego e a oligarquía española.

Polo anterior e a xeito de conclusión apuntar que -como chiou alguén-: nin hai, nin queremos, nin moito menos precisamos, burguesía nacional galega. 

 


Actualización: 21/08/2013 20:16h

Maurício Castro publicou no seu blogue unha resposta a esta entrada baixo o título "Mais sobre a burguesia autóctone galega". A seguir deito aquí o micro-retruque que publiquei como comentario no seu post:

Caro Maurício,

Obrigado polo "retruque". O certo é que concordo -en termos xerais- con moito do que enuncias neste novo texto. Caben moitas matizacións e precisións, porén acho que sería enlear de maneira gratuíta.

De entrada, permíteme que exclúa do debate a caracterización que fas do nacionalismo galego contemporáneo, da existencia/ausencia de referentes políticos clasistas, a presunta posición "federalista" etc, sinxelamente para simplificarmos e desbotar aqueles parámetros nos que hai moi escasas posibilidades de acordo, e porque non teñen a ver co cerne da cuestión.

A discrepancia continúa a estar en que significación lle outorgamos un e outro a cualificar de "galega" a burguesía radicada en Galiza. Neste senso, eu insisto en que precisamente polos mesmos argumentos que admites que non pode ser presentada como "burguesía nacional" -colocándoa xa que logo no nivel de intermediaria- non o pode ser tampouco como "galega", para alén xa non da súa orixe biolóxica senón mesmo por riba doutros factores como unha eventual ligazón identitaria. Non repetirei as razóns que fundamentan a miña discrepancia ao respecto. Engadir unicamente que na caracterización [marxista] do rol da burguesía incide máis a valoración do seu papel en relación á oligarquía imperialista (como ilustrei botando man de Mao) que se é orixinaria/nativa ou imposta, por substitución.

Empreguei "autóctona" botando man dese apelativo empregado polo compañeiro Carlos Morais no outro artigo citado, e admitindo que o seu uso ofrece ben menos equívocos na caracterización, xerando menos confusión entre "galega" e "nacional".

Por derradeiro, dous apuntes-brincadeira:

-Xabier P. Igrexas (na grafía que quixeres) non apenas Xabier Igrexas. Contraer o apelido paterno non é renunciar a el :-P

-Presentarme como "blogger" resultoume grazoso. Persoalmente coido que non é a principal faceta nin ámbito de activismo, mais bon, aceptamos polbo... xD

 


 

Boletín electrónicoRecebe as actualizacións do blogue no teu correo-e:

 
Últimos álbumes
Hemeroteca