08:00 h. lunes, 06 de mayo de 2024

Débeda e superávit. O desgoberno económico de Caballero

Xabier P. Igrexas  |  12 de agosto de 2013 (05:57 h.)
alcalde, obras, humanizacións

Vigo desde o barrio

 

 

Se hai un ámbito onde as decisións económicas son fulcrais é na política municipal. Os orzamentos, tanto no capítulo de ingresos como --e sobre todo-- no de gastos, son o que marca a folla de rota, as liñas de actuación. Non son só cifras. Esas decisións económicas determinan os servizos que se prestan á veciñanza, as prioridades que se fixan en cada momento. Ao cabo: en que e para que(n) se gastan os cartos de todas e todos.

As prioridades do actual Goberno municipal son sobradamente coñecidas. Se de Abel Caballero dependese acabaríamos empedrando a totalidade do orzamento municipal. Máis e máis tramos de rúa para inaugurar, esquecendo que a verdadeira humanización da cidade é facer das persoas, das veciñas e dos veciños, o centro da política municipal. Atender as súas necesidades, máxime neste contexto de grave crise na que milleiros de familias no noso Concello están a bordear a perigosa liña da exclusión social, do desposuimento completo, e non poucas xa fican baixo o limiar da pobreza. Non hai cidade fermosa namentres haxa unha soa persoa que se vexa forzada a durmir nos seus bancos, a malvivir nas súas rúas ou as percorrer a pé na procura de alimento nalgún comedor social. Só as emendas presentadas polo BNG orzamento tras orzamento logran paliar, alomenos nunha parte, os delirios de grandeza do Alcalde e o seu desnorte, como demostran iniciativas como o Plan de Emprego Municipal ou o Plan de Emerxencia para as familias, que non terían existido de non ser polo empeño do Bloque.

Dous episodios recentes revelan, máis unha vez, o desgoberno económico de Caballero e o seu nulo sentido da prioridade. 

O primeiro é a insólita de decisión de entregar 16,5 millóns de euros á banca privada, para amortizar anticipadamente diversos créditos do Concello. Curiosa decisión cando os orzamentos municipais deste mesmo ano prevén a subscrición de novos préstamos, iso si a intereses superiores que os cancelados. Nisto o Partido Popular estivo de acordo, folga explicar as razóns, e unicamente a concelleira e os concelleiros nacionalistas votaron non.  Porque devolver anticipadamente tal cantidade de recursos no canto de os destinar a outros usos? Acaso non existen necesidades, moitas delas urxentes, que poder atender? Non hai unha finalidade mellor que meter os nosos cartos nos petos da banca? Acho que as preguntas se resolven por si propias e describen que clase de goberno temos en Vigo.

O segundo, aínda pendente de resolver, é a que destinar 6 millóns de superávit do exercicio 2012. En diferentes declaracións o Alcalde deixou entrever que insistirá na liña das macrohumanizacións, ampliando a cifra de kilómetros empredrados da que fachendea reiteradamente. Polo momento o BNG foi o primeiro (e único) en propoñer que dos 6 millóns, 1,5 se destinen a un plan de mellora das infraestruturas dos barrios e parroquias da cidade, 300 mil euros para mantemento e accesibilidade das escolas públicas, e medio millón para plans de mantemento específicos para o Casco Vello e Teis.

Se ben existen restricións legais --por decisión do PP en Madrid-- a respecto do uso dese superávit, nada impide de entrada que a cantidade restante (3,2 millóns) se asigne agora á conclusión de proxectos de humanización que xa están en marcha e que contaban con partida nos orzamentos deste ano. Desa maneira liberaríase esa cantidade para a poder destinar ao reforzo das insuficientes políticas sociais e de promoción do emprego. Esta decisión pode que non produza moitas inauguracións electoralistas, mais desde logo sería un primeiro paso para que o Concello concentre todos os seus esforzos, recursos e capacidades en resolver a grave situación social da cidade. Non lucirá como as flamantes beirarrúas e as fontes de luces, mais pode axudar a moitas familias traballadoras que o están a pasar mal. 

 

Artigo publicado en Noticias Vigo o 12/08/2013

 

Últimos álbumes
Hemeroteca