10:48 h. viernes, 26 de abril de 2024

O alcance da nosa tarefa

Xabier P. Igrexas  |  04 de noviembre de 2013 (13:36 h.)
barro_640x220_scaled_cropp

Transformar non se reduce a xestionar o posíbel de maneira máis favorábel aos intereses da maioría social, senón facer posíbel a necesaria remuda

 

A conxuntura histórica preme, empurra. Neste momento, calquera proposta política focada en fórmulas de aparente posibilismo electoral-institucional, non só fica inviabilizada na prática senón que se demostra inútil para responder aos reptos e necesidades que enfrontamos. Apuntábao con acerto a pasada semana o camarada Francisco Rodríguez, nunha imperdíbel entrevista en Irmandade TV, ao sinalar que a tarefa non se reduce apenas a desprazar, electoralmente, a Feijóo. Nin a Rajoy, engadiría eu.

Hai que mudar de goberno en Galiza, e por extensión tamén en Madrid, mais non só. Non abondaría.

As solucións precisas, a mudanza radical necesaria para darlle a volta polo forro ao brutal saqueo que padece o noso pobo, exixen de moito máis. Hoxe a transformación non é só unha palabra de orde oca. É o paradigma central que debe presidir o deseño de calquera alternativa política que pretenda ser útil. Hai que mudar de goberno en Galiza, e por extensión tamén en Madrid, mais non só. Non abondaría.

Como apunta Rodríguez, o alcance da tarefa política arestora sitúase moi por acima desas coordenadas. Non basta con confrontar cun goberno ou outro. A política sistémica do PPSOE xa demostrou há tempo que a alternancia é moitas veces funcional aos intereses da clase dominante. É hora de remover os marcos, de alterar os deseños políticos. A principiar por unha autonomía raquítica e esgotada que nos priva de capacidade de decisión efectiva, da soberanía indispensábel para executar un verdadeiro programa (político, non só electoral e/ou de goberno) substancialmente transformador (revolucionario, se se quixer) en función dos intereses das clases populares. A seguir por un modelo de Estado deseñado ao servizo dunha concepción política que nos nega como nación e ao servizo unicamente dos intereses do capital monopolista español, como están a demostrar os efectos da vaga de recentralización política e económica que padecemos. E por último, un modelo de Unión Europea que afonda en nos condenar a ser periferia empobrecida, forzando o noso desmantelamento produtivo e que axe hoxe sen reservas como un aparello (político, económico e militar) a través do que o grande capital executa o brutal saqueo contra as camadas populares.

Nunca antes se demostrou con tanta claridade a ligazón entre as condicións materiais de vida e de traballo do noso pobo e a ausencia de soberanía nacional 

Paradoxalmente eses tres planos dunha mesma tarefa, a emancipadora en termos nacionais e sociais do noso pobo, colocan en primeiro termo a necesidade de plena soberanía, tanto política como económica, para Galiza. A mesma soberanía que desde coordenadas pretensamente nacionalistas (e formalmente “autodeterministas”) algúns se atreven a desprezar, nunha nova expresión de autoodio, relegándoa a un segundo plano por tras de non se sabe que alternativa puramente parlamentaria en Galiza e –sobre todo-- en Madrid.

Como explicaba semanas atrás Suso Seixo nunha entrevista concedida a Sermos Galiza, o reclamo soberanista non se sustenta nunha vontade ideoloxista. Tampouco quer responder só a un problema identitario. Nunca antes coma hoxe, polo menos non nas últimas dúas décadas, ficou tan en evidencia a interelación entre a cuestión nacional e a de clase. Dito doutra forma, nunca antes se demostrou con tanta claridade a ligazón entre as condicións materiais de vida e de traballo do noso pobo e a ausencia de soberanía nacional (entendida, loxicamente, en chave popular), que nos permita colectivamente inverter as primeiras.

Hai que alargar o apoio e implicación popular na alternativa, en troca de alimentar só virtuais alternancias

Unha vez caracterizado o alcance do problema, estrutural, sistémico, faise preciso tamén comprender o alcance da tarefa que supón a súa resolución. Cómpre, pois, renunciar a calquera querencia curto pracista. Evitar ficamos entrampadas no espellismo reformista. Avantar con rumo certo cara a transformación da realidade. E transformar exixe mudar, retomando a Francisco Rodríguez, precisamente as formas, os deseños, os modelos que se vertebran nun sistema fallido.

Transformar non se reduce a xestionar o posíbel de maneira máis favorábel aos intereses da maioría social, senón facer posíbel a necesaria remuda. E iso exixe moito máis que unha aparente (e discutíbel) acumulación de forzas a nivel electoral no seo das estruturas políticas burguesas. A chave, pasa, non só en lograr a maior representación institucional con chamativas fórmulas electorais, senón en que esta representación sexa reflexo dunha acumulación real de conciencia organizada e mobilizada. Alargar o apoio e implicación popular na alternativa, en troca de alimentar só virtuais alternancias.

Artigo publicado no Terra e Tempo o 04/11/2013

 


Boletín electrónicoRecebe as actualizacións do blogue no teu correo-e:

 

Últimos álbumes
Hemeroteca