10:46 h. domingo, 05 de mayo de 2024

O fascismo con Bárcenas por bandeira

Xabier P. Igrexas  |  02 de mayo de 2013 (02:00 h.)
Bárcenas

"O caso Bárcenas vén de incrementar a temperatura social. Certamente a corrupción --máxime cando se presenta con tal impunidade-- provoca no pobo unha reacción airada, de raiba, de cabreo, de indignación"

O caso Bárcenas vén de incrementar a temperatura social. Certamente a corrupción --máxime cando se presenta con tal impunidade-- provoca no pobo unha reacción airada, de raiba, de cabreo, de indignación. Máis unha vez a indignación... Pero cómpre analizar polo miúdo, fuxindo de esquematismos e de lecturas simplistas ou emocionais, o que está a acontecer e o seu alcance.       

É difícil acertar a ver cales son os motivos e propósitos últimos desta grande algarada. Probabelmente nunca os saibamos. Mais hai sinais e factores que poden axudarnos nese propósito. Debemos partir sempre da certeza de que este tipo de escándalos non agroman de maneira casual, e que polo tanto algo e/ou alguén os promove cun propósito. Onde salta a lebre? Paradoxalmente nas dúas principais cabeceiras da prensa española, ambas as dúas pezas de complexas engranaxes mediáticas de dous grandes grupos empresariais. Ambas con filtracións, mesmo documentais, de maior ou menor calado. O que habitualmente se define como “un traballo desde dentro”. Tras delas iranse sumando outras cabeceiras.           

Que explica a coincidencia tanto no enfoque esencial como na intensidade coa que axitan o tema medios aparentemente tan distantes (na realidade nunca o estiveron) como El País ou El Mundo? Que explica que até o monárquico e ultraconservador diario ABC, ou a eclesial emisora COPE se sumen exixindo explicacións e mesmo dimisións ao PP? A opinión pública non existe; os media crean un estado de opinión pública. Porque este? Porque agora? Porque con ese relato? Tres preguntas ben importantes que deberamos facer.           

Queda do réxime político?             

O balbordo ten xerado a sensación de que co escándalo estarían a tremer os alicerces mesmos do réxime político español. Mais é só unha sensación. Ningún réxime político cae, sempre son derrubados. Nin a posibilidade de que Rajoy compareza xudicialmente para explicar a trama dos sobres, nin a moi remota hipótese de que acabe por dimitir (unha redactora dun dos grandes xornais españois daba por feito en privado a súa renuncia o pasado sábado), provocarán a queda da democracia burguesa española, nin moito menos a implosión institucional do Estado.           

Eses prognósticos erran ao obviar a natureza mesma do Estado no marco do capitalismo como un instrumento de clase, ao servizo da clase dominante, arestora a oligarquía monopolista española. Iso nega a posibilidade de cambios? Non, mais as mudanzas de se dar serán máis unha vez de aparencia. Para resolver este tipo de contradicións o sistema dotouse da alternancia política en chave bipartidista. Cambiar para que non mude ren. Renovar actores mais sen alterar o guión. Para o comprobar basta interrogarse a respecto de cal é a opción máis probábel de se convocar eleccións anticipadas.           

Aliás, do que si existen visos é de que se pode estar a producir algún tipo de crise, de catarse, de axuste, no seo da clase dominante española ou mesmo un conflito coa oligarquía transnacional europea. Descoñecemos os actores en pugna, a motivación ou propósitos da mesma e os seus posíbeis resultados. Porén, hai elementos que poden permitirnos unha prospección –sempre especulativa-- ao respecto. Ten algo a ver con esta situación a saída precipitada de Esperanza Aguirre da presidencia da Comunidade de Madrid hai só uns meses? Está relacionada coa negativa do executivo de Rajoy a acudir a un segundo rescate (como reclama a grande banca e desexa Bruxelas para aplicar aquí o modelo grego)? Que papel xoga o alargado descrédito do monarca Juan Carlos e ao tempo o culto haxiográfico co que algúns medios entronizan ao futuro Felipe VI?           

O fascismo axexa             

É lexítimo empregarmos esta situación para denunciar a podremia do réxime político vixente, desta plutocracia disfrazada de democracia de cartón. Mais hai que ter en conta o risco certo de que sen a debida orientación no discurso, sen a necesaria pedagoxía política, sen a imprescindíbel explicación, podemos acabar por facerlle o caldo ao fascismo que vén. Non por casual a tese dominante, con Bárcemas por bandeira, é a de que “todos son iguais” e “que se vaian todos”, metendo no mesmo saco ás forzas políticas sistémicas e aqueloutras que as combaten formulando alternativas transformadoras. Non, co é nin moito menos casual que en lugar de reclamar o empoderamento do pobo exixindo unha democracia real, efectiva, unha democracia popular, só se poña en discusión o papel da propia mediación política, iso si sen cuestionar en absoluto a quen detén na realidade o verdadeiro poder. Non se está a cuestionar a necesidade dunha mudanza radical de rumo, senón que se discute a funcionalidade mesma da política, en xeral, non dunha ou doutra orientación. E ao cabo, rematamos por escoitar por boca de quen fica excluído da política, de traballadoras e traballadores, alegatos que exixen a fin mesma da política. A ausencia da política sempre torna formas totalizadoras e no Estado español xa se padeceron catro décadas desa receita. Para alén de que o fascismo teña sido historicamente funcional ao capitalismo para resolver as súas contradicións e crises, como a presente. De aí que debamos extremar todas as precaucións, agudizar con intelixencia o noso discurso, para non abrirlle campo ás proclamas joseantonianas de grupos parafascistas. Para non incorrer na grave equivocación de cuestionarmos o réxime sen formular a nosa alternativa concreta.     

Trátase pois de axudarmos a direccionar esa raiba, a politizar esa indignación, a ideoloxizar o cabreo. Unha tarefa urxente, logo de que un inquérito publicado esta fin de semana por El Periódico sitúe como principal forza política en ascenso a UPyD, que podería sumar até 21 deputadas e deputados máis. Iso colocaría ao grupo de Rosa Díez como terceira forza política no Estado, reproducindo o mesmo esquema europeo do que a Fronte Nacional francesa de Le Penn é expoñente. 

 

Artigo publicado no Terra e Tempo o 05/02/2013

Últimos álbumes
Hemeroteca