13:04 h. domingo, 28 de abril de 2024

O PRESIDENTE ESPAñOL MENTIU SOBRE BáRCENAS NO SENADO

A penúltima mentira de Rajoy

Xabier P. Igrexas  |  12 de agosto de 2013 (07:05 h.)
Rajoy

Nun m1nuto

 

Rajoy mentiu. Vaia sorpresa! Fíxoo no Parlamento. Non era a primeira vez. Porén, desta volta conleva certa gravidade agregada. A mentira foi un dos seus principais argumentos exculpatorios na súa comparecencia no Senado sobre o Caso Bárcenas e na que se negou a demitir. Desde a tribuna asegurou solemne que o seu ex-tesoureiro xa non traballaba para o PP cando el chegou á Moncloa. 

Unha nómina revelada por un xornal madrileño, de maio de 2012, e a vida laboral de Bárcenas que alongaría a súa relación laboral até este mesmo ano, refutan a falacia e desmontan o relato vitimista. Pode que Rajoy sexa honrado e un necio que se deixou enganar durante máis de vinte anos por un capo que custodiaba a caixa do partido, mais desde logo fica en evidencia que non é demasiado honesto. 

Agora se entende aquel lío da liquidación en diferido, dos salarios simulados e das falsas saídas de María Dolores de Cospedal. Poderíamos falar da cifra que cobraba Bárcenas polos seus servizos, mais iso desviaría o debate. 

A cousa é que o Presidente do Goberno mentiu, a mantenta, en sede Parlamentar e retransmitido en directo. Agora só cabe que demita e convoque eleccións. Canto antes.

Últimos álbumes
Hemeroteca