07:51 h. viernes, 26 de abril de 2024

É preciso ler, estudar, visitar e revisitar a obra de Lenin

Xabier P. Igrexas  |  22 de enero de 2014 (01:50 h.)
Retrato de Kuzma Petrov-Vodkin, 1934

Reseña e oito lecturas ao fío dos 90 anos da morte do grande revolucionario ruso.


Ao morrer Lenin,
un soldado da garda, según se conta,
díxolle a seus camaradas: Eu non quería
crelo. Fun onda el estaba
e berreille ao ouvido: “Ilich,
aí veñen os explotadores". Non se moveu.
Agora estou seguro de que morreu.

[Fragmento do poema dedicado a Lenin por Bertol Brecht]

Onte, 21 de xaneiro, fixo 90 anos da morte de Vladimir Ilich Uliánov. Lenin, ou Lénine, como rezaba o seu alcume revolucionario, continúa a ser unha referencia fundamental para quen aspiramos á edificación dunha orde social e económica nova, á nova civilización socialista das mulleres e homes ceibes, libres de toda forma de explotación.

Lenin continúa a ser unha referencia fundamental para quen aspiramos á nova civilización socialista das mulleres e homes ceibes, libres de toda forma de explotación

Case un século despois as súas vizosas análises, malia non admitiren transposición mecánica (sempre antidialéctica), fican ben vivas e vixentes -como sinalan os camaradas Brasileiros do PCdoB- para caracterizar non xa os trazos esenciais do sistema capitalista senón para situarmos sen ambaxes, nin espellismos, o alcance real da tarefa revolucionaria, e como organizarmos as súas fileiras. Como testemuño desa vixencia deito deseguido unha súa cita a respecto das crises capitalistas, sobre as que afirmaba: 

“As crises demostran que os obreiros non poden limitar a loitar para obteren dos capitalistas concensións parciais, xa que, cando se produza o crack, estes non só arrebatarán aos traballadores os dereitos conquistados senón que os farán aínda máis precarios. E así continuará sucedendo inevitabelmente até que os exércitos do proletariado socialista boten abaixo o dominio do capital e da propiedade privada dos medios de produción(As ensinanzas das crises, Tomo V, Obras completas)

O seu contributo foi fulcral para tornar realidade a experiencia revolucionaria máis duradeira da historia da humanidade

Lía hoxe en Twitter que se Lenin tivese vivido apenas dez anos máis e contase con Internet é probabel que o seu legado ficase en pé, estendido e alargado. Certamente o seu contributo foi fulcral para tornar realidade a experiencia revolucionaria máis duradeira da historia da humanidade -a revolución rusa da que nacería a URSS- que malia as súas falencias continúa a ser unha experiencia non superada.

Se ben cómpre fuxir de lecturas dogmáticas ou sacralizadoras --como as definiu o camarada Alvaro Cunhal-- do pensamento marxista-leninista, hai que desbotar tamén a súa devaluación por parte de quen, se cadra coa mellor das vontades, reduce a súa adhesión a este a unha aproximación meramente emocional ou difusamente de principios. Pódese partillar ou non, pode mesmo discutirse, mais nunca se pode negar a existencia dun corpus conceptual concreto, definido negro sobre branco, e que vai moi alén da caracterización que desde posturas pretensamente heterodoxas (ou por descoñecemento) o  minimizan a apenas un enfoque, un método de análise ou un punto de vista. Inda que tamén o sexa.

O maior recoñecemento é botar man da súa magnífica achega teórica

Por iso, face homenaxes aparentes que se limitan a louvar a imaxe icónica do grande revolucionario ruso, o maior recoñecemento é botar man da súa magnífica achega teórica. 90 anos após a súa desaparición física, hoxe é máis verdade que nunca que é preciso ler, estudar, visitar e revisitar a obra de Lenin, como con acerto se sostén neste artigo publicado anos atrás na revista O Militante (editada polo Partido Comunista Português) que recomendo encarecidamente ler.

E para facer inda máis sinxela a tarefa, tremendamente facilitada pola Rede, dispoñibilizo a seguir varios textos que coido fundamentais e de lectura obrigada para nos adentrar no pensamento de Lenin:

​P.S.: E como corolario unha fermosa peza musical. O requiem que Hanns Eisler dedicou a Lenin en 1935.

 


Boletín electrónicoRecebe as actualizacións do blogue no teu correo-e:

 

 
Últimos álbumes
Hemeroteca