17:46 h. jueves, 09 de mayo de 2024

CONTRADISCURSO.NET ESTREA NOVO SITIO WEB

(Re)Presentación: nova faciana, azos anovados e un mesmo próposito

Xabier P. Igrexas  |  12 de agosto de 2013 (06:30 h.)
Moleskine

O blogue enceta este 12 de agosto unha nova xeira. Lanzado á rede o 26 de febreiro de 2005 e logo de varios anos en Blogaliza, migra a un novo sitio web propio cun deseño completamente renovado agora xa definitivamente en contradiscurso.net 

 

Despois de varios meses de certo parón na bitácula, decidín darlle un novo pulo. A pesar do grande acomodo que atopei durante os últimos sete anos en Blogaliza, a cuxa equipa sempre estarei agradecido pola súa agarimosa dedicación, era momento de ensanchar o sitio. A idea non é nova. Mais tivo que agardar ao período estival para se materializar, e hoxe preséntase sen culminar, en fase beta pendente dos últimos axustes e de completar o traslado de contidos(*).

Mudanza de aloxamento (obrigado a OpenNemas --singularmente a David Martínez-- por me acoller cos brazos abertos), renovación completa do seu deseño e estructura, pero co mesmo propósito: sementar contradiscurso. Contribuir modestamente a alargar o pensamento crítico, fuxindo de pretensos teoricistas teimando en seguir a ligalo á práctica, á acción, ao activismo. A abrirlle camiño ás ideas na rúa. A facer da rúa un espazo tamén para as ideas. Empregando as potencialidades da Rede para esa dupla misión.

Cando en 2005 metín os fuciños no blogomillo, fíxeno para abrir máis unha palestra desde a que confrontar co monodiscurso do pensamento dominante. Cavar unha trincheira dixital para a disputa da hexemonía, nesta terra e neste tempo. Unha palestra para o activismo. Coa franqueza e a honestidade por bandeiras. Sen disfraces, sen mentiras, sen disimulos. Sen oportunismos. Con compromiso, desde a esquerda real e o nacionalismo liberador. Coa inxente forza da convicción e do afán permanente por a facer compatíbel coa escoita activa (estimulando o diálogo e a interacción e cedendo máis espazo a outras voces, autores e contidos na nova sección "contraINFO" na marxe dereita da capa).

Este é (só) un novo caderno.

Obrigado por estardes aí. 

 

(*) Provisoriamente todos os contidos anteriores (2005- Agosto 2013) fican dispoñíbeis no sitio vello: contradiscurso.blogaliza.org 

 

Nota: O blogue continúa coa mesma política de non "monetarizar" contidos. A publicidade inserida no sitio é automática, derivada do plano de hosting e non me xenera ningún ingreso. É un pequeno prezo (se cadra provisorio) por dispoñer dun excelente CMS. Desculpas.

 


Boletín electrónicoRecebe as actualizacións do blogue no teu correo-e:

 

Últimos álbumes
Hemeroteca